Xunta de Galicia
A Secretaría Xeral de Política Lingüística é o órgano superior do goberno da Xunta de Galicia que dende 1983 promove o uso da lingua galega na comunidade galega. En materia de promoción da lingua galega ten como funcións máis relevantes fomentar o uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia así como elaborar propostas lexislativas que potencien a normalización lingüística. As súas actuacións enmárcanse nos acordos do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado no ano 2004, mediante o que se presentan unha serie de medidas de actuación para promover o uso do galego na sociedade e garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións.
Co fin de ofrecer ferramentas para a adquisición dunha competencia lingüística en galego para adultos e como resposta ás necesidades que presenta a sociedade actual en cuestións de ensino, aprendizaxe e certificacións en lingua galega, créase un novo sistema de certificacións que avalíe as destrezas comunicativas dos usuarios e que permita clasificalos segundo o seu nivel de competencia nunha escala de contidos baseada no Marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación. Estas certificacións denomínanse CELGA (Certificado de Lingua Galega) e están divididas en cinco niveis, por orde de menor a maior dificultade:
CELGA 1
CELGA 2
CELGA 3
CELGA 4
CELGA 5
Informarase nesta páxina e na da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Xunta de Galicia. www.xunta.es/linguagalega |